xoves, 14 de novembro de 2013

Torre do Telleiro ou Casa do Gabiño ou Pereira

Lugar: Telleiro

Propiedade e liñaxe: Di Espinosa Rodríguez que posiblemente o seu fundador fose D. Domingo Gabiño , de quen nacería, do seu matrimonio con Dª. Juana de Bugarín, D. Antonio Gabiño, que se encontra entre os nobres do Val Miñor e foi administrador das reais salinas na raia de Portugal.
Dese matrimonio naceron, entre outros:
-D. Juan Antonio, que marchou a Chile, onde casou e fixo carreira militar; morreu na Serena despois de facer testamento ante o notario D. Juan Antonio Gondomar;
-Dª Liberata, que casou con D. Manuel Ocampo y Coronel, matrimonio do que naceron María Teresa, Antonio e Benito.
Dona María Teresa casou con D. Francisco Pereira Mariño da Saa da casa do Avelar, e tiveron como primoxénito a D. Francisco Pereira Ocampo, que casou con dona Victoria de Jesús Salgado (descendente da casa de Cernadas); deste matrimonio naceron Benito (avó de D. Latino Salgueiro Pereyra), D. Tomás (pai de Dª. Matilde Pereyra, viúva de Pereyra Campoamor), D. Francisco, D. Antonio e D. Manuel Pereyra Salgado.

No lugar, ficou a sede da Congregación de Misioneiras de María Mediadora.

Data de Fundación: Posiblemente no primeiro terzo do século XVII.

Detalles: Orixinalmente era en forma de L, que aínda se recoñece malia a cantidade de reformas e engadidos levados a cabo.

Elementos decorativos: O único que se conserva é un pequeno gravado sobre o lintel da que fora porta principal de entrada dende o antigo patín, representando os atributos da Inquisición.
Segundo Espinosa Rodríguez, había dous escudos, hoxe desaparecidos: “En la puerta principal hay dos escudos: uno de ellos tiene un solo cuartel con las Armas, un castillo, un menguante y cinco estrellas. Tiene el otro un águila. Entre ambos, sobre el dintel, los atributos de los inquisidores”.

Nos baixos desta casa existiu un cárcere inquisicional no lugar que actualmente ocupa a capela da congregación de Misioneiras; aínda se ode observar parte das reixas que cubrían os ocos que a congregación tivo o tino de conservar á hora de transformar o uso dese baixo.

Bibliografía
Soliño Troncoso, Antonio e outros. Gondomar. Historia, Arte e Territorio. IR INDO, 1995.


Ningún comentario:

Publicar un comentario