martes, 12 de novembro de 2013

Borreiros

Borreiros IEM)
O profesor Gonzalo Navaza Blanco sinala que “O Nomenclátor de Galicia recolle ducia e media de localidades chamadas Borreiros ou Os Borreiros”, no seu estudo do barrio co mesmo nome da parroquia de  Saiáns (Vigo), e que estende á “parroquia miñorana de Borreiros, no concello de Gondomar”. Agrega que cabe a posibilidade que os topónimos Borreiros teñan relación co oficio de borreiro (cereiro, produtor e tratante da cera en cru). Mais no caso da parroquia de San Martiño de Borreiros, atopa que un topónimo menor Borreiros, “dá nome a unha paraxe de cultivos na beira do río Ulla, no concello de Catoira, formada por terras de aluvión depositadas pola corrente fluvial nas enchentes, ao estar situada na beira exterior dunha curva do río (Navaza 2006, 70); a parroquia de Gondomar chamada Borreiros presenta características moi similares, polo que o seu nome tamén podería deberse a esta circunstancia”.

Estudo do topónimo Borreiros do profesor Gonzalo Navaza Blanco

Non podemos establecer con certeza o significado orixinario destes nomes, aínda que si podemos afirmar que conteñen un derivado do substantivo borra. Este substantivo, de orixe prerromana, pode significar “sedimento, pouso”  (por exemplo, a borra que se deposita no fondo dun líquido que contén materiais en suspensión, como as borras do café ou do viña), e tamén recibe o nome de borra a “cera en cru” extraída das colmeas.
Cabe a posibilidade de que algúns destes topónimos Borreiros teñan relación co oficio de borreiro (“cereiro, produtor e tratante de cera en cru”), igual ca outros nomes de entidades de poboación que conteñen o plural dun nome de oficio, en referencia a unha actividade dos habitantes do lugar, como Ferreiros, Oleiros e outros semellantes. Así e todo, en Saiáns non temos constancia de actividades de apicultura especialmente salientables. Segundo o Catastro de Ensenada (1753) en toda a parroquia só había 7 colmeas “propias de Francisca da Armida del lugar de Vilaverde”. Moi poucas, en comparación co número de colmeas que rexistra ese catastro en parroquias con produción significativa de cera e mel (por exemplo Vincios, onde se computan máis de 350). Na parroquia chamada Borreiros, en Gondomar, só rexistra ese mesmo catastro 6 colmeas. Naturalmente, no pasado puido existir, tanto nesa parroquia coma no homónimo lugar de Saiáns, unha actividade de apicultura suficiente como para suscitar o topónimo. A parroquia de Borreiros xa tiña ese nome no século XII. No Catastro de Ensenada, de 1753, un individuo desa parroquia, chamado Xerónimo de Pereira, consta co oficio de cereiro. E na vila de Baiona existiu unha rúa chamada dos Borreiros que moi probablemente debía o seu nome aos comerciantes de cera.
Por outra banda, formas derivadas deste mesmo substantivo borra, como Borral, Borrén, Borrel, Borralla etc, deron orixe a topónimos que fan referencia á composición dos terreos, cando conteñen lodos ou materiais sedimentarios arrastrados pala corrente ou polas augas pluviais ou ben como resultado de queimas realizadas ca propósito de fertilizar os solos. Un topónimo menor Borreiros, idéntico ao de Saiáns, dá nome a unha paraxe de cultivos na beira do río Ulla, no concello de Catoira, formada por terras de aluvión depositadas pola corrente fluvial nas enchentes, ao estar situada na beira exterior dunha curva do río (Navaza 2006, 70); a parroquia de Gondomar chamada Borreiros presenta características moi similares, polo que o seu nome tamén podería deberse a esta circunstancia. Unha Punta Borreiros, no concello de Vilanova de Arousa, tamén parece deber o seu nome á constitución do terreo e non ao oficio dos seu s propietarios.
En definitiva, o nome de Borreiros contén un derivado de borra pero en tanto non dispoñamos de suficiente información histórica non podemos saber a cal dos significados desta palabra remite o topónimo.
A parroquia de Borreiros, en Gondomar, documéntase desde o século XII:
« ... ecclesiam S[ancti] Martini de Borraris totam ab integro,
cum omnibus directis, & pertinentiis suis. (ano 1170, España
Sagrada 22, Tui, doc. n° 14, p. 280)
«... in terra de Miñor ecclesiam S[ancti] Martini de Burreiros
cum omni iure suo-(ano 1228, España Sagrada 22, Tui, doc. nO
15, p. 283)
A variante gráfica Burreiros, que como vemos aparece ocasionalmente, podemos interpretala como unha aproximación á pronuncia local, onde o ditongo El da sílaba tónica tende a pechar a vogal da silaba anterior (igual ca en Corveira/Curveira).

Bibliografía
Navaza Blanco, Gonzalo: Saiáns. Os nomes dos lugares Nº1. (IEM, 2011)


Ningún comentario:

Publicar un comentario