martes, 12 de novembro de 2013

Áspera /Esparela

Barrio A Esparela (©IEM)
A etimoloxía máis fiable destes topónimos segundo Eligio Rivas (1) é a construción latina aspera terra ou aspera loca, como propón Moralejo Lasso (2). En ambos casos trátase de “terreos abruptos” e estes autores indican que nos textos clásicos son frecuentes estas denominacións para referirse a lugares pedrosos, rochosos e crebados.
Aspera dá nome a un barrio de Gondomar, mentres que a forma Esparela atópase en Borreiros e presenta a súa forma diminutiva. Deberíamos esperar neste nome, segundo a etimoloxía, a forma Asperela, pero as alteracións vocálicas do [a-e] son frecuentes na lingua popular desta zona e debemos por tanto consideralo un derivado de Áspera. Nalgúns dicionarios recóllese tamén o significado de ´´trampa para coller paxaros``. Con todo, non debemos confundir (como moitos mapas fixeron) o nome Esparela con Espadela, neste caso apeiro utilizado para sacarlle ao liño o tasco, o cascullo.
(1) Rivas Quintas, Eligio: Toponimia de Marín, Verba, Anexo 18. (USC, 1982), pp. 216-217.
(2) Moralejo Lasso, A:  Toponimia gallega y leonesa. (Ed. Pico Sacro, 1977), pp. 306

Bibliografía

González Chamorro, Mª Xosé. Os nomes de Gondomar. Cadernos do IEM Nº4. (IEM, 2002)

Ningún comentario:

Publicar un comentario