martes, 12 de novembro de 2013

Presa

A Presa da Bouza (©IEM)
O substantivo presa designa a obra humana practicada no curso dun río para reter e dirixir a corrente destinada a mover o rodicio do muíño ou a outros usos, por exemplo para regadío ou para alimentar un lavadoiro (lavadouro na fala local). As presas, eran na súa maioría de grandes perpiaños de granito, pero tamén atopamos en ocasións, algunhas simples feitas con pedras e terróns denominadas peirados. Os peirados, non eran utilizados tanto para encorar a auga como para desviala dun río ou mesmo para poñer sobre as paredes da presa e desviar a auga cara canles nun nivel superior ao da mesma.
As presas presentaban nalgúns casos, un pequeno rebaixe na súa parte superior (especialmente nos casos do río) polo que rebosaba a auga sobrante que era aproveitada por lavadouros ou outras presas situadas máis abaixo. Na parte inferior, presentaban o ollo ou buxeiro, un buraco polo cal debía saír a auga. Este, era tapado tanto con terróns como cun tolete de madeira que serían destapados coa axuda dun varal.

Bibliografía

Navaza Blanco, Gonzalo: Saiáns. Os nomes dos lugares Nº1. (IEM, 2011)



Ningún comentario:

Publicar un comentario