martes, 12 de novembro de 2013

A Fraga

Xeira do Instituto de Estudos Miñoranos pola Fraga da Oliveira (©IEM)
A voz “Fraga” serve para denominar un terreo con moita diversidade de flora autóctona.  A súa orixe etimolóxica lévanos a un significado máis antigo de “terreo desigual, esgrevio, cortado”, poñéndoa en relación por tanto co verbo latino franguere, “crebar, romper” por alusión aos lugares que orixinalmente ocuparían as fragas: fondais ou crebadas, isto é, topografías accidentadas e pedrosas. A Fraga da Oliveira, cumpre todos os requisitos para ser denominada fraga, pero non todos os veciños están de acordo en que ese foi o nome que tivo dende antigo. Foi sen dúbida o Instituto de Estudos Miñoranos o encargado de salientar este espazo natural incluíndoo dentro das súas xeiras e quizás de facer que se consolidase a denominación de fraga,para este bosque do lugar de Oliveira. Sexa ou non denominación antiga, como si lle chaman todos é A Costa por antonomasia, así como o río da Groba pasa a chamarse nesta paraxe Río da Costa.

Bibliografía
Os nomes de Gondomar, Cadernos do IEM Nº4 (2002). González Chamorro, Mº Xosé