Xeira do Instituto de Estudos Miñoranos pola Fraga da Oliveira (©IEM) |
A voz “Fraga” serve para denominar un terreo con
moita diversidade de flora autóctona. A
súa orixe etimolóxica lévanos a un significado máis antigo de “terreo desigual,
esgrevio, cortado”, poñéndoa en relación por tanto co verbo latino franguere, “crebar, romper” por alusión
aos lugares que orixinalmente ocuparían as fragas: fondais ou crebadas, isto é,
topografías accidentadas e pedrosas. A Fraga da Oliveira, cumpre todos os
requisitos para ser denominada fraga, pero non todos os veciños están de acordo
en que ese foi o nome que tivo dende antigo. Foi sen dúbida o Instituto de Estudos Miñoranos o encargado de salientar este espazo natural incluíndoo
dentro das súas xeiras e quizás de facer que se consolidase a denominación de
fraga,para este bosque do lugar de Oliveira. Sexa ou non denominación antiga,
como si lle chaman todos é A Costa por antonomasia, así como o
río da Groba pasa a chamarse nesta paraxe Río da Costa.
Bibliografía
Os nomes de Gondomar, Cadernos do IEM
Nº4 (2002). González Chamorro, Mº Xosé